Saturday 11 de May de 2024

O centro sociocultural da Ribeiriña dinamízase coa creación dun xardín veciñal


A reforma integral do centro sociocultural da Ribeiriña rematada a finais do 2023 verase agora complementada coa rexeneración paisaxística da contorna do edificio de xeito sostible e mediante técnicas respectuosas co medio ambiente. A fórmula será mediante a configuración dun xardín veciñal promovido pola Concellaría da Participación Veciñal da Pobra do Caramiñal xunto con Agrofloresta Viva, a Asociación de veciños Ribeiriña-Conchido e Senda Verde.

A concelleira da Participación Veciñal, Rosana Pérez, puxo de manifesto que se trata dunha iniciativa viva e dinámica coa vontade de crear espírito de comunidade mediante a cocreación dunha zona axardinada. Desta maneira, búscase a implicación da cidadanía e a descentralización das actividades lúdico-formativas do núcleo urbano para levalas ao rural. Por esta razón, tamén se anima a residentes do centro a participar para aprender sobre xardinería e experimentar a creación dun espazo verde. O investimento por parte da Administración local ascende aos 8.000 euros.

No acto de presentación tamén estiveron presentes a edil da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, e representantes de Agrofloresta Viva, nomeadamente Rubén Escuredo, Ana de Diego e Sergio García, quen explicaron que esta acción se enmarca na permacultura: unha forma de deseño de espazos sostibles. Esta actividade retroalimentarase das propostas das persoas participantes, polo que irá evolucionando segundo os intereses e suxestións.

A fase de implantación desenvolverase nos días 20 de abril e 4 e 5 de maio. O horario das dúas primeiras xornadas é de 10.00 a 14.00 e de 16.00 a 19.00 horas, mentres que a derradeira será a partir das 10.00 horas. A programación inclúe unha introdución á xardinaría rexenerativa; o deseño e creación do xardín veciñal; a selección de plantas adaptadas, perennes e multifuncionais; biopreparados e compostaxe para horta e xardín; círculo de saberes e tradicións; plantación e acolchado, deseño participativo de próximas actividades e xantar compartido. Tamén haberá mantemento durante todo o ano.

Máis información e inscricións no enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com.